24 de mar. de 2013

2 de Abril. Día internacional do libro infantil e xuvenil



O vindeiro 2 de Abril conmemórase, tal e como se vén facendo desde o ano 1967, o nacemento de Hans Christian Andersen. A IBBY declarou esa data Día Internacional do Libro Infantil, co fin de lembrar a importancia de ofrecer  bos libros a todas as nenas, a todos os nenos, libros de calidade que esperten a súa imaxinación e os axuden a medrar como lectores e como persoas.
Cada ano, esta organización internacional encárgalle unha imaxe e un texto a autores de diferentes países. Nesta ocasión, a autora do texto é a mexicana Pat Mora e o ilustrador do cartel é o estadounidense Ashley Bryan
A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder ao poema de Pat Mora nas catro linguas do Estado, un poema que remata así:
Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros. 


MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.
Oímos murmurios
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.
Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.
Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

Poema de Pat Mora
Traducción: Concha Blanco

Unha boa oportunidade para coñecer a existencia de distintas correntes artísticas, pictóricas e literarias, que enriquecen coa súa mirada o mundo no que nos tocou vivir. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario